![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEhiQEeke9IhE_VHpyXe0A0799U0yA1cu2BfD5TnWyV2S4FSBlX8GKSAhmw2kMDLDMYd0uVPW5ycfYbVyQDXEV5mJAU8rJqgm0iGSZLJrVtDbQgBVMzbnd9t5aSAVbLVKZb_2TxnsCiNOv4/s320/basket.jpg)
Burela acollerá o domingo 13 de febreiro unha xornada de baloncesto destinada ás categorías cadete, infantil e minibasket tanto masculinas coma femininas de toda a provincia. O evento foi presentado esta mañá pola concelleira de Deportes, Neves Cando.
A edil nacionalista sinalou que “seguindo coa colaboración coa Federación Galega de Baloncesto, que xa nos permitiu o ano pasado acoller en Burela unhas xornadas de concentración da selección galega alevín feminina de cara ao campionato de España e asímesmo desenvolver a primeira das xornadas do centro de tecnificación itinerante, que puxo en marcha dita Federación… agora colaborando nós coa Delegación Zonal de Baloncesto de Lugo e co Clube Baloncesto Burela váise desenvolver o domingo 13 de febreiro unha nova xornada de traballo destinada a completar o programa destes centros de tecnificación”.
Neves Cando explicou que “ditos centros son unha ferramenta de seguimento dos xogadores e xogadoras máis novos. Trátase dunha convocatoria aberta, unha completa xornada de adestramentos e exercizos orientada ás categorías cadete, infantil e minibasket tanto masculinas como femininas. Os clubes da Mariña e de toda a provincia poderán enviar ata un máximo de 3 xogadores e 3 xogadoras, que segundo a súa idade seguirán un plan de traballo desde as 12 da mañá ata as sete da tarde nos dous pavillóns de Burela, o Vista Alegre e o dos institutos”.