domingo, 8 de marzo de 2015

Esforzo inútil das seniors en Ourense

Gran esforzo sen recompensa final en Ourense


   Novo partido da 1ª Autonómica de baloncesto feminino e desprazamento do CB Burela a Ourense para enfrentarse ó Universitario Campus Ourense, equipo da parte alta da táboa e que en Burela gañara por unha diferencia moi reducida.
   O equipo de Rubal desprazábase coas baixas por estudos de Marta A. e Salomé e coa baixa de última hora de Celia enferma, co que coa alta de Lucía Carabán (despois dun mes lesionada) tiña á súa disposición a 8 xogadoras.

   O inicio foi moi competido e dominado polas defensa polo que a  anotación foi moi baixa (7-11), con lixeiras ventaxas das visitantes, pero coa igualdade no xogo e no marcador (24-25 ó descanso). As defensas individuais non deixaban alegrías nos ataques. 

  A segunda metade parecía que favorecía ás locais, que presionaban a toda cancha e aproveitaban as perdas de balón das nosas para dar un pequeno tirón no marcador, sacando sempre froito dos erros no pase do CB Burela. Unha desventaxe de 8 puntos non fixo que as nosas se rendiran, e loitando contra o cansancio e alternando defensa individual e zona conseguían parar ás de Ourense, que atravesaban unha crise de acerto ofensivo , polo que as diferenzas se estreitaron pouco a pouco. Margarita foi a principal arma ofensiva do CB Burela con 2 triplas, canastras en transición e tamáen en estático (22 puntos na segunda parte).

Tempo morto en Vista Alegre na ida
  Así se chegaba a igualar o partido no final do último cuarto, no que as nosas se situaban con ventaxas mínimas (58-60) e tiñan verdadeiras opcións de disputar a victoria. A falta de acerto e o cansanzo xunto co acerto da local Lamelo (2 triplas) déronlle o partido ás locais deixando estéril o grande esforzo das xogadoras do CB Burela durante todo o partido (66-61). 

   Polo CB Burela  xogaron: Fátima (4), Mar (13), Laura, Tania, Marta Cifu (7), Lucía Carabán (8), Margarita (24) e Adela (5). 17 faltas , sen eliminadas
       Parciais: 7-11/17-14/24-19/19-17

   Outro partido que se decide nun final apretado que as nosas non poden levarse a victoria , pero que reforza o nivel do grupo de cara ós seis partidos que quedan de liga.

  O vindeiro domingo (Vista Alegre 17h.) recibimos a outro dos equipos da parte alta , PÍO XII de Santiago, equipo que nos gañou na prórroga na ida e que será outra dura proba para as nosas.